CRTVG

Buscar

O PSOE e ERC aceleran as conversas e emprázanse para o martes que ven

Publicado o 04/12/2019 08:18

Concluía onte á noite a segunda reunión oficial entre PSOE e Esquerra para negociar a investidura de Sánchez. Esta vez si houbo un comunicado conxunto no que ambas forzas recoñecen a existencia dun problema político que hai que canalizar e emprazáronse a unha nova reunión o martes que vén. Será nesa reunión do día 10 cando se dirima se a investidura é posible antes do Nadal ou hai que pospoñer o pleno para xaneiro.

PSOE e Esquerra emprázanse para un novo encontro no que plasmar o deseño da mesa de diálogo entre gobernos e asumen nun comunicado, conxunto esta vez, que existe un problema político que hai que canalizar. Ante as presas parta formar goberno, Esquerra pide tempo e que unha das reunións se celebre simbolicamente en Barcelona, mentres as forzas de esquerda demandan unión e investidura.

Polémica polas fórmulas de acatamento

"Polos presos", polas repúblicas catalá ou vasca, ou "para defender a democracia e a soberanía", como fixo o nacionalista Néstor Rego cun exemplar de Sempre en Galiza na man. As fórmulas de acatamento alporizaron as bancadas da dereita, que anuncia recursos.

Mentres, a presidenta negábase a facer unha interpretación restritiva da xurisprudencia, que permite a fórmula do imperativo legal.

Na sesión visualizáronse tamén as diferenzas entre PP e Vox á conta da composición da Mesa.

O PP culpa o PSOE por non renunciar a unha vicepresidencia en favor de Ciudadanos e Simancas responde que foron os populares os que non aceptaron o cordón sanitario que pretendían os partidos de esquerda.

Finalmente a esquerda controla na Mesa seis das nove cadeiras: con 3 membros para o PSOE, tres para Unidas Podemos, dous do PP e un de Vox.

Noticias web

04/12/2019