CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos votan diferente no Congreso sobre a inviolabilidade do Rei

Publicado o 25/02/2021 15:26

Esta mañá no Congreso volvéronse escenificar as diferenzas dentro da coalición, neste caso, sobre a monarquía. Unidas Podemos votou a favor da proposta de Esquerra Republicana de suprimir a inviolabilidade e o aforamento do Rei. Pero o PSOE votou na súa contra, ao igual que PP, Vox e Ciudadanos, e o texto decaeu.

Sobre as manifestacións do 8-M, o Ministerio de Igualdade, que dirixe Irene Montero, vai seguir as recomendacións da ministra de Sanidade, que onte se pronunciaba tallante. "Non proceden, dígoo sen miramentos e creo que estou sendo clara e diáfana. A situación epidemiolóxica do noso país non permitiría levar a cabo eses actos", dicía ante a prensa Carolina Darias. 

Para o voceiro de Unidas Podemos no Congreso, a ministra debería ser "menos taxativa" cando se fala do dereito de manifestación, e engade Pablo Echenique que os membros do seu partido acudirán ás mobilizacións en caso de habelas.

A que non acudirá é a ministra de Defensa. Margarita Robles asegura que xa non foi o ano pasado e tampouco vai este. Na súa opinión, "polas mulleres, hai que loitar con sentido da responsabilidade".

O Movemento Feminista de Madrid anunciou hoxe que non convocarán manifestación este 8 de marzo na capital de España. Si organizarán unha concentración pechada onde só permitirán o acceso a 250 mulleres, a metade do permitido pola Delegación do Goberno.

Noticias web

25/02/2021