CRTVG

Buscar

Comeza a xuntanza coa que PSOE e Podemos tentan reconducir a crise na coalición

Publicado o 25/10/2021 19:23

• Yolanda Díaz recoñece que a coalición atravesa "un momento complicado"

• Podemos pide a dimisión de Batet por atentar "contra a democracia"

 


A reunión da mesa de seguimento do acordo de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos comezou pasadas as 19:30 horas no Congreso dos Deputados, en plena crise entre os dous socios do Executivo pola futura reforma laboral e a retirada do escano ao parlamentario da formación violeta Alberto Rodríguez.

Por parte do PSOE acudiu á reunión o ministro de Presidencia, Félix Bolaños; a ministra de Facenda, María Jesús Montero; o portavoz do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, e a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra.

En representación de Unidas Podemos non asistiu a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que está representada polo seu xefe de gabinete, Josep Vendrell, e polo secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez. Ademais están presentes a secretaria xeral de Podemos e ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra; a número dous do partido e ministra de Igualdade, Irene Montero, e o portavoz no Congreso de Unidas Podemos, Pablo Echenique.

A mesa de seguimento do pacto de coalición tenta pechar a vía de auga aberta a raíz do enfrontamento entre as vicepresidentas Calviño e Díaz sobre quen debe levar o temón da reforma laboral.

Yolanda Díaz, tamén ministra de Traballo, admite que "é un momento delicado. O debate é de contidos, non é de persoas, e creo que sería bo que a parte maioritaria do Goberno se aclare porque están dando declaracións diferentes". Alusión sen citala a unha Nadia Calviño que evita falar de derrogación e defende un texto avalado tamén polos empresarios.

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos explica que "por iso apostamos polo diálogo social, para recuperar os consensos que romperon na última década. Esa é a consideración de todo o Goberno e aquí non caben consideracións individuais ou persoais".

Palabras moi semellantes ás que pronunciaba Pedro Sánchez en presenza do comisario europeo de Economía. O presidente do Goberno cre que "unha lexislación así, con vocación de perdurar, farase en España como se fai en Europa, con diálogo social e vocación de consenso".

Á marxe da lea interna, o Partido Popular anunciaba batalla en Europa para defender a reforma laboral de 2012. Pablo Casado, presidente dos populares, advertía que "chegaremos ata o final nas institucións europeas para que a reforma laboral se manteña".

E Ciudadanos criticaba a imaxe que se está dando de España.A súa presidenta, Inés Arrimadas, lamentaba que "nun momento coma este, estanse pelexando dentro do Goberno pero co líder da oposición están repartindo os carguiños por detrás".

A polémica tivo por testemuña ao comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, que apelaba á súa condición de italiano para considerar normal a discusión.

Noticias web

25/10/2021