CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos crean dúas mesas para coordinar a acción parlamentaria e o Goberno

Publicado o 08/01/2020 20:48

O PSOE e Unidas Podemos crearán nun prazo dun mes desde que se constitúa o Goberno unha comisión de seguimento do acordo de coalición que buscará garantir a estabilidade en toda a lexislatura, coa coordinación da súa acción parlamentaria e de Goberno así como a comunicación.

Un día despois da investidura do presidente socialista, Pedro Sánchez, representantes de ambos grupos subscribiron esta mañá un 'Protocolo de funcionamento, coordinación, desenvolvemento e seguimento do acordo do Goberno progresista de coalición' que contén a creación de dúas mesas, unha para coordinar o Goberno e outra para a acción parlamentaria.

Segundo este acordo, difundido esta tarde polo PSOE e Unidas Podemos, conformarase unha comisión permanente de seguimento do acordo de goberno co fin de velar polo cumprimento dos obxectivos propostos e unificar criterios, así como acordar posicións políticas para desenvolver o seu programa. Esta mesa de coordinación estará formada por dous representantes da Presidencia do Goberno e dous das vicepresidencias primeira e segunda -esta última previsiblemente será a de Pablo Iglesias- así como por un membro da Secretaría de Estado de Comunicación, outro de comunicación da Vicepresidencia segunda e un de cada un dos dous grupos parlamentarios. 

A Mesa non se reunirá cunha periodicidade concreta e terá entre as súas funcións impulsar o pacto programático da coalición, poñer en común a axenda política e de goberno, ademais de coordinar as respostas aos eventos políticos e ás iniciativas do resto de partidos para "manter a unidade de acción". En canto ao grupo parlamentario, Unidas Podemos e o PSOE asinaron unha disciplina de voto sobre o programa de goberno e deberán, entre outras cousas, avisar con antelación suficiente da presentación de iniciativas parlamentarias que afecten o pacto así como daquelas alleas que teñan "alta repercusión".

Os proxectos de lei presentados polo Goberno de coalición serán apoiados, defendidos e votados favorablemente por ambos os socios, segundo o acordo, que recolle ademais que os orzamentos xerais do Estado se apoien e defendan por ambos socios, que non poderán presentar emendas sen acordo previo. A liberdade de voto manterase só cando se trate de iniciativas que non afecten o acordo ou a acción do Goberno nin os orzamentos.

Tamén blindan o control parlamentario, que terá que ter o coñecemento e acordo previo do Goberno de coalición e a súa acción comunicativa. De feito, ademais da mesa de coordinación do Goberno, tamén os grupos no Congreso constituirán unha comisión de seguimento parlamentario con cinco membros de cada formación, que liquidará as discrepancias e coordinará a acción comunicativa. 

Por outro lado, Podemos e o PSOE acordaron acometer unha estratexia de comunicación conxunta que inclúe "concertar as liñas xerais da axenda de comunicación" e que os ministerios comuniquen a súa actividade con antelación suficiente á Secretaría de Estado de Comunicación dos principais anuncios e compromisos. O texto asinado hoxe recolle ademais que o Executivo "se rexerá polos principios de lealdade, cooperación, corresponsabilidade e estabilidade" e actuará con negociación e boa fe, ademais de con "pleno respecto á Constitución Española e ao resto do ordenamento xurídico". 

Os integrantes do Goberno de coalición comprométense a manter "a máxima discreción" sobre as negociacións e acordos do Goberno e "en especial" as que se abordarán nesa Mesa de coordinación. En caso de reestruturación do Goberno durante a lexislatura, manterase o número de áreas xestionadas por cada un dos socios e o seu peso relativo.

As discrepancias que se produzan dentro do Goberno abordaranse na mesa de seguimento mentres que as diferenzas políticas que non afecten o contido do acordo dirimiranse na do Congreso. Por parte do grupo socialista, participaron na reunión en que se subscribiu o pacto Adriana Lastra como portavoz parlamentaria e Rafael Simancas como secretario xeral do grupo, mentres que por parte de Unidas Podemos rubricárono Irene Montero, Jaume Asens e Ione Belarra.

Sánchez atrasa ata a próxima semana a formación de Goberno

Un dos primeiros retos que lle agardan ao presidente do Goberno é decidir a composición do Consello de Ministros. Pero non o anunciará ata a próxima semana, segundo fontes socialistas. O PSOE xustifica o atraso. Din que quedan cousas por pechar e que Sánchez busca un executivo moi solvente para catro anos que prevén complicados.

"O presidente pide... nada, uns poucos días para poder armar un Goberno que afronte unha situación da política española estable. E non só polos nomeamentos, polas persoas concretas senon tamén porque está facendo modificacións de áreas que poden estar xuntas ou separadas", dixo Carmen Calvo.

Os seus socios de Goberno prometen unidade arredor do presidente. "Temos razóns para estar moi contentos e agradecidos á xenerosidade do noso presidente do Goberno e estou convencido que imos ser un Goberno que traballe unido", afirmou Pablo Iglesias

Os socios do Goberno quítanlle importancia a que xa se filtraran os ministros de Podemos, aínda que os teña que ratificar Sánchez. Das filas socialistas tamén transcendeu que María Jesús Montero conservaría Facenda e sería, ademais, a voceira do Goberno.