CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos chocan na regulación do prezo dos alugueiros

Publicado o 18/03/2021 15:32

A futura lei de vivenda mantén enfrontados os dous socios de Goberno. A proposta do PSOE é que os propietarios de pisos arrendados paguen menos impostos polos beneficios que obteñen. Podemos rexeita de plano estas bonificacións fiscais e esixe poñer topes aos alugueiros nas chamadas zonas tensionadas.

Os de Iglesias acusan os socialistas de incumprir o seu acordo de Goberno. A ministra de Igualdade Irene Montero asegura que van ser "teimudos, insistentes para que se cumpra o acordo de goberno. Se se cumpre o acordo de goberno, non vai haber nin ruído nin tensión".

Esta mañá, varias ministras da área socialista insistían ante a prensa en que o documento aínda non está pechado. Para Carmen Calvo, vicepresidenta primeira, "cumprir o acordo de goberno é sentarnos a traballar sobre os contidos, iso xa é estar cumpríndoo", unha idea compartida pola voceira e titular de Facenda María Jesús Montero e a que será a vicepresidenta segunda cando Iglesias deixe o Goberno.

Nadia Calviño pídelle a Podemos que non simplifique os problemas e que deixe os titulares, tamén coa derrogación da reforma laboral. Nunha entrevista en Onda Cero, asegurou que hai "un elemento de comunicación pública e de eslogan que eu respecto, pero que non é no que estou eu, eu estou na substancia". E recorda que segue sendo ela quen coordina a política económica do Goberno.

Noticias web

18/03/2021