CRTVG

Buscar

PSOE e ERC seguen negociando a investidura e acordan canalizar o 'conflito político' catalán

Publicado o 29/11/2019 08:44

O PSOE e Esquerra Republicana de Catalunya seguirán falando. Os negociadores dos dous partidos volverán sentar o próximo martes día 3, tras unha reunión -onte- de máis de dúas horas, en que ambas formacións constataron diferenzas, pero tamén puntos de encontro. 

O PSOE quere garantías non só para a investidura, senón tamén para os presupostos. Esquerra insiste nunha mesa entre gobernos.

Os membros da mesa negociadora abandonaban a reunión unha hora despois de rematar o encontro, o tempo que ambos equipos tardaron en facer públicos senllos comunicados sobre a marcha das negociacións. Cadran, Esquerra e o PSOE en destacar que aínda hai discrepancias importantes, pero tamén puntos de encontro. Os republicanos explican que acordaron "abordar politicamente un conflito de natureza política", termos que tamén asume o comunicado socialista, falando de encauzar desde o diálogo o conflito político en Cataluña.

"Claro que hai un conflito político en Cataluña, ou alguén pensa que non?", admitía o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, antes de entrar na reunión.

Os socialistas buscan levar o acordo con Esquerra máis alá da investidura, que o acordo non sexa só para abordar o problema catalán, senón tamén para os presupostos de 2020, e apelan á sensibilidade de esquerdas de Esquerra canto aos temas sociais.

"España non pode demorar máis algunhas solucións a algúns problemas importantes", advirte a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo.

De momento, Esquerra mantén o non e insiste nunha mesa de negociación sen temas vetados, con calendario e garantías. Demandas nunha negociación que onte criticou de novo o xefe da oposición. Segundo Pablo Casado, "están formando un goberno sobre o cráter dun volcán".

Sobre as negociacións para constituír o executivo de coalición entre PSOE e Unidas Podemos, Pablo Iglesias dixo que o goberno non será desvelado ata despois da investidura e amouse optimista sobre a posibilidade de que prospere antes do Nadal.

"Hai que apostar polo diálogo, pola empatía e pola man esquerda para lograr que a investidura saia adiante". E engadiu: "Espero que a próxima Noiteboa os españois poidan cear cun goberno".

Noticias web

29/11/2019