CRTVG

Buscar

PSOE e ERC avanzan "na vía política" para resolver "o conflito catalán"

Publicado o 03/12/2019 20:42

• Nun comunicado conxunto adiantan que volverán verse o 10 de decembro

O PSOE e ERC comprometéronse a avanzar na "vía política" para resolver o "conflito" catalán, tras a segunda reunión dos seus equipos negociadores nunha semana, para facilitar unha eventual investidura de Pedro Sánchez. Así o expresaron os dous partidos nun comunicado conxunto (o da semana pasada, tras a primeira reunión negociadora, foi por separado) no que, ademais, adiantan que volverán reunirse dentro dunha semana, o martes 10 de decembro.

No comunicado, ambas formacións reafirmáronse en que hai un conflito político, que se debe resolver "politicamente", e comprometéronse a "avanzar na reflexión para activar a vía política" e buscar os instrumentos necesarios para canalizar a situación con Cataluña. Nesta segunda reunión, no Congreso dos Deputados, entre os equipos negociadores de PSOE e ERC tamén se profundou en temas concretos nos que se puido constatar "que hai unha sensibilidade social compartida no que respecta a dereitos sociais, civís e laborais". De feito no comunicado do PSOE do 28 de novembro, os socialistas xa introducían na negociación asuntos referidos ao sector da automoción e ao sector industrial en Cataluña, moi sensibles nesta comunidade. O

O ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, integrante do equipo negociador, mostrouse satisfeito e dixo apreciar avances no encontro, que poderían achegar unha posición de ERC favorable á investidura. Á reunión, que continúa á do 28 de novembro, asistiron os equipos negociadores, conformados por tres representantes de cada partido. Por parte socialista, asistiron a portavoz do grupo, Adriana Lastra, o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, e o secretario de organización do PSC, Salvador Illa. De ERC, participaron o seu portavoz no Congreso, Gabriel Rufián, a secretaria xeral adxunta do partido, Marta Vilalta, e o presidente do Consell Nacional dos republicanos, Josep Maria Jové.

A reunión, que estaba orixinalmente prevista para as 17:00 horas, comezou con atraso, xa que os asistentes quixeron esperar a que Lastra regresara do hospital onde se trasladou para facerse unha radiografía do nocello danado este mañá durante a constitución da Cámara. Esta semana, ambas formacións referíronse a este encontro como clave para a investidura do presidente, aínda que ERC nas súas declaracións máis recentes asegurou que non teñen présa porque a prioridade é un acordo "sólido e con garantías". Mentres, o PSOE non deixou de mostrarse optimista e insistiu en que hai vimbias con ERC para o diálogo e o entendemento