PSdeG, BNG e Galicia en Común suspenden os actos de campaña na Mariña

O Partido Socialista de Galicia decidiu suspender os seus actos electorais na comarca da Mariña ante os rebrotes de coronavirus que afectan a esta zona. O candidato á Presidencia da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á "responsabilidade" dos cidadáns e asegurou que a súa formación "extremará todas as medidas" de seguridade polo que non realizará actos nesta zona.
Ademais, o socialista considerou que "sería positivo" que o presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, informase o "líder da oposición" do que está a ocorrer en relación aos rebrotes en Galicia para poder facer un seguimento.
"Nós eramos partidarios de esperar a que se producise toda a desescalada e despois asentar a nova normalidade para ver como era a evolución do virus antes de convocar as eleccións", explicou Gonzalo Caballero, que volveu a criticar a "decisión unilateral" de Feijóo e pediu aos cidadáns que "extremen as precaucións".
A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, anunciou que a formación nacionalista, que tiña previsto entre outros un mitin esta fin de semana, cancelou todos os actos públicos de campaña na Mariña ante o rebrote de coronavirus rexistrado na zona. Avanzouno nun acto na Coruña, en que preguntou ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, "onde está o protocolo do Goberno da Xunta para afrontar un rebrote que está a ser moi importante".
"Onde está o plan do Goberno ante un rebrote da pandemia na Mariña, cando estamos a falar dunha cuestión de saúde dos galegos", cuestionou Ana Pontón, quen dixo que "tivo catro meses para facelo". A líder nacionalista tamén envía unha mensaxe de "ánimo, tranquilidade e de confianza" ás persoas afectadas polo novo coronavirus na Mariña.
Galicia en Común-Anova Mareas suspendeu os actos previstos na Mariña para os próximos días debido ao rebrote de coronavirus que se rexistrou nesta comarca do norte lucense, entre eles, o mitin que o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras tiña previsto ofrecer en Viveiro. Precisamente, a través dun vídeo, Beiras comunicou esta decisión e pide "desculpas" aos cidadáns de Viveiro.
No vídeo, en que está acompañado pola cabeza de lista de Galicia en Común por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Manuel Beiras reprocha ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, esta situación por convocar eleccións cando eran previsibles, dixo, estes "rebrotes".
"Todo isto é culpa dos gobernos do Estado durante estes anos (en referencia á situación da Mariña) e culpa de Feijóo, que, ademais, convoca estas eleccións a pesar dos posibles rebrotes, como o que está a ocorrer na Mariña e puxo por diante os seus intereses oportunistas por diante do respecto e dos intereses dos cidadáns e do resto de formacións políticas", recriminou Beiras, quen dixo que debeu esperar "a que pasase de verdade a pandemia".
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernán-Vello encadrou a decisión de suspender os actos previstos en Ribadeo e Viveiro no "respecto escrupuloso" aos cidadáns da Mariña.
"Por precaución e por estar situados na responsabilidade que temos como formación política coas persoas, a saúde, e os cidadáns da Mariña e de todo Lugo", sentenciou