PSA-Vigo recuperará este ano o liderado na produción de vehículos en España
PSA-Vigo recuperará este ano o liderado nacional na produción de vehículos. É a previsión que manexa o sector automobilístico debido á súa rápida recuperación tras o confinamento.
A factoría viguesa recupera o primeiro posto no ámbito español grazas, en gran medida, aos seus novos modelos, tanto aos comerciais lixeiros K9, como ao todo camiño V20, que lle permitiron reactivar a produción tras dous meses de parada polo coronavirus.
A pandemia evitou o ano de marcas que se agardaba cun volume superior aos 550.000 coches, pero aínda así resistiu mellor que o resto das factorías.
O centro de Balaídos podería superar este ano os 470.000 vehículos. Por outra banda, máis de 1.200 traballadores aproveitan a parada por vacacións para adaptar a fábrica para os próximos lanzamentos.