CRTVG

Buscar

PSA e Chrysler non teñen intención de pechar ningunha fábrica, polo que a fusión non prexudicaría a viguesa Citroën

Publicado o 31/10/2019 09:12


O comunicado conxunto que acaban de emitir as dúas compañías fala dun plan para se converter na cuarta potencia automobilística do mundo, con sinerxías estimadas en 3.700 millóns de euros e, atención, sen a intención de pechar ningunha fábrica de ningún dos dous grupos, o que supón unha mensaxe de tranquilidade para os traballadores da factoría de PSA en Vigo.

Os traballadores de PSA Vigo, expectantes ante a posible fusión

Os traballadores do Grupo PSA en Vigo mantéñense expectantes ante a evolución que poidan tomar as conversacións da directiva con Chrysler Fiat para unha fusión que consideran positiva para o grupo pero que podería ter consecuencias indesexables para o emprego.

"Temos a confirmación das negociacións e, como o próximo 15 de novembro temos unha reunión do Comité Europeo do Grupo PSA, solicitamos que alí nos dean máis detalles", dixo a Efe Santiago García Cameselle, secretario xeral de CCOO na planta viguesa de PSA.

De momento, e en caso de que a fusión se concrete, García Cameselle sinala varios aspectos positivos para o grupo, como o seu posible entrada no mercado estadounidense, aspiración máis fácil de concretar da man de Fiat.

Da mesma opinión é Víctor Mariño, representante da CUT (Central Unitaria de Traballadoras), que fala de sinerxias na compra de materias primas, nos contratos con provedores para abaratar custos ou na unión de diferentes centros de investigación e desenvolvemento que multiplicarían a fortaleza dun grupo que se convertería, por vendas, no cuarto do mundo, xusto por diante de General Motors.

Con todo, os sindicatos, que xa viviron a adquisición de Opel por parte de PSA en 2017, temen polo emprego.

"Antes nós competiamos con Madrid e as fábricas francesas, agora competimos para a adquisición de modelos en Vigo con Figueruelas (Zaragoza), e hai que ser máis baratos, e máis eficientes, e sempre nos comparan con Figueruelas e a Figueruelas connosco", asegura García  Cameselle.

O delegado de CCOO teme que esa competencia se poida volver extrema coa incorporación das fábricas que Fiat ten en Turquía, na República Checa, en Serbia ou na India.