Proxecto 'Nós', intelixencia artificial para que o galego teña un sitio no mundo dixital
A lingua galega quere desembarcar con forza no mundo dixital. A idea é poder falar en galego, por exemplo, cos asistentes de voz e outros instrumentos de intelixencia artificial. Para darlle pulo, acaba de presentarse o proxecto 'Nós'. Está desenvolvido pola Universidade de Santiago e a Xunta. Pode crear 450 novos empregos, e vai supoñer o meirande investimendo de diñeiro público feito ata agora na promoción da lingua.
Xunta, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e entidades privadas colaborarán cun orzamento público inicial de 15,5 millóns de euros para o período 2021-2025.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou este martes na Cidade da Cultura este proxecto, que opta a fondos europeos para a recuperación da crise da covid ('Next Generation'). En calquera caso, "non ten marcha atrás", dixo, e desenvolverase con ou sen eles. "Garantirá que a cidadanía en Galicia poida participar no mundo dixital sen renunciar á súa lingua", proclamou o titular da Xunta.
En concreto, 'Nós' consistirá na articulación de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, que poderán usar empresas, institucións e particulares. Estes recursos serán, en primeiro lugar, un sintetizador de voz, que permita a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego e posibilite escoller xénero ou idade.
Un segundo apartado será un reconocedor de fala que permita a interacción persona-máquina ou a substitución automática. O terceiro, un xerador de lingua natural, que converta datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.
Tamén está prevista a creación dun sistema de diálogo xenérico, isto é, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros.
Igualmente, un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.
Chámanlle proxecto Nós, en memoria daquela singular xeración de intelectuais, e con el pretenden que o galego dea un paso adiante nas tecnoloxías intelixentes. Porque, nos mundos de agora, non só é preciso que a lingua propia de Galicia a falen adultos e nenos senón que a falen e a entendan tamén as máquinas.
"O valor das linguas non se reduce a que aparezan escritas nos libros e figuren tamén oralmente nas nosas conversas senón que temos por diante este mundo dixital; se non falan galego tamén e escriben galego as máquinas a lingua vai perder presenza e valor quizais dun xeito irremediable", afirmou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
O proxecto Nós de intelixencia artificial abrangue recursos lingüísticos en galego de alta calidade en formato dixital baixo licenzas libres e ferramentas en código aberto para ser empregadas de balde por institucións e empresas. Quince millóns e medio de euros públicos e coarenta e cinco privados vano facer posible.
Se o proxecto recibe fondos Next Generation da Unión Europea, desenvolverase máis axiña, se non, máis amodo, pero desenvolverase igualmente. "E isto supón o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia. Se temos os fondos, iremos máis rápido e se non temos os fondos farémolo tamén, probablemente axeitado ás capacidaes orZamentarias dispoñibles, pero o certo e verdade é que este proxecto non pode quedar condicionado a fondos europeos", explicou Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
Nós permitirá formar 50 investigadores da USC. A creación de novos produtos das tecnoloxías da fala e da intelixencia artificial no tecido produtivo galego pretende ter efecto tractor nesta área estratéxica, crear empresas e ata 450 novos empregos.