CRTVG

Buscar

Protestas no primeiro día de peche da hostalería en Cataluña

Publicado o 16/10/2020 14:36

Cataluña espertou este venres coas persianas de bares e restaurantes baixadas. Unicamente se permite o servizo de comida a domicilio ou para levar. Un peche que se prolongará 14 días e que afecta, segundo datos sindicais, a máis de 200.000 traballadores do sector, que continúa coas protestas polas restricións.

Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, di: "O Govern da Generalitat ten que aprobar medidas contundentes de apoio a un sector moi castigado, e que é moi importante para a economía das cidades".

Tamén se reduce a acollida ata o 30 por cento no comercio. Ademais o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña avala finalmente outras restricións propostas polo Govern, que estaban no aire, como a prohibición das reunións de máis de 6 persoas, ou a suspensión das clases presenciais na universidade.

En Madrid, o Goberno rexional prorroga ata o 24 de outubro as restricións á mobilidade e as limitacións de horarios e acollidas en 9 municipios, incluída a capital. Faino, segundo di, para harmonizar a duración coa do estado de alarma decretado polo Goberno o venres pasado. Só levantan as restricións en Alcalá de Henares.

"A Consellería de Sanidade está deseñando unha orde para garantir que en Madrid sigan funcionando as restricións, porque seguimos cunha incidencia acumulada alta", explica Ignacio Aguado, vicepresidente da Comunidade de Madrid.

Dende esta medianoite, Salamanca capital queda confinada durante dúas semanas. Castela e León prohibe o consumo en barra en toda a comunidade, e limita as reunións a un máximo de 6 persoas.

Noticias web

16/10/2020