CRTVG

Buscar

Protestas en Portugal por enviar a axuda alemá a un hospital privado

Publicado o 04/02/2021 15:06

A situación en Portugal segue sendo grave, pero mellora timidamente. O número de falecidos e contaxiados diarios descenden moi pouco a pouco e xa hai hospitais no norte que poden recibir doentes da área de Lisboa, a máis afectada neste momentos.

Aínda que o feito en si é preocupante porque se trasladan doentes dun lugar saturado, no fondo hai unha pequena boa noticia, e é que aquí no norte ten algo de espazo nas UCI. Esta madrugada foron trasladados dende Sintra ata este hospital Sao João do Porto 5 enfermos graves. Outros tantos a Vila Nova de Gaia.

Por outro lado, esta mañá tamén soubemos que as 3 semanas de peche de hostalería e comercios reduciron os contaxios un 40 % na última semana, segundo datos do Goberno. No medio desta catástrofe sanitaria sucédense tamén as polémicas na xestión que incomodan aínda máis a unha cidadanía fatigada coa situación. 

Unha desas polémicas ten que ver coa axuda chegada onte dende Alemaña. Os 8 médicos e 18 enfermeiras xermanos leváronos a traballar a un hospital privado de Lisboa que colabora co Goberno. Ten equipamento e espazo, pero ten carencias nos recursos humanos.

Estas explicacións da ministra da Saúde non foron satisfactorias e continuou a onda de protestas nas redes e da oposición, que non entende por que non foron levados a un hospital público. As queixas da oposición tamén levaron a que a Fiscalía investigara o coordinador do programa de vacinacións de Portugal, Francisco Ramos, por unha acumulación de supostas irregularidades en que se vacinou a quen non correspodía e que desembocaron na súa dimisión hai unhas horas.

En Portugal, o 3 % da poboación recibiu a primeira dose e os maiores de 50 anos con doenzas xa están sendo vacinados esta semana. 

Noticias web

04/02/2021