Protestas e plebiscito axitan Chile no 47 aniversario do golpe de Pinochet
Publicado o 12/09/2020 10:51
Chile conmemorou o 47 aniversario do golpe de Estado de 1973, no que Augusto Pinochet acabou coa vida do daquela presidente Salvador Allende. A xornada deste ano estivo salpicada de protestas e de alusións ao histórico plebiscito por unha nova Constitución que se vai celebrar en outubro.
O presidente Sebastián Piñera encabezou unha sobria cerimonia na sede do executivo, mentres os líderes de varios partidos de esquerda participaron nunha simbólica ofrenda floral nunha rúa lindeira ao Palacio da Moeda.
A xornada rematou con enfrontamentos entre manifestantes encarapuchados e a Policía, ás portas do cemiterio da capital, Santiago de Chile.