CRTVG

Buscar

Taxistas de Ames e Teo protestan polas multas por acceder á cidade vella e a rúas restrinxidas de Santiago

Publicado o 20/09/2021 13:26

Discriminados e perseguidos. Así din sentirse os taxistas dos concellos de Ames e Teo, limítrofes con Santiago. Esixen paso libre pola zona vella compostelá e as rúas restrinxidas á circulación. Din que son un servizo público e que, polo tanto, son vehículos autorizados, por iso non entenden que os multen. 

Cada vez que entran de servizo en zona restrinxida sen avisar reciben unha multa do Concello de Santiago. Son os taxistas dos concellos limítrofes. Afirman que a obriga de comunicar cun correo electrónico previo a súa entrada non ten sentido, xa que só funciona de nove da mañá a unha da tarde. E tampouco cubrir unha folla co seu percorrido.

Manuel Zas, presidente da Asociación de Taxistas de Ames: "Nós non pedimos unha tarxeta de paso, estamos pedindo que non se nos multe. Que as matrículas consten nunha base de datos ou non se multe os taxis na zona da rúa San Pedro. Agora mesmo temos un monte de compañeiros con multas de 60 euros que teñen que pagar porque xa non se poden recorrer".

Juan Luis Hermida, presidente da Asociación de Taxistas de Teo: "Eu collo un cliente nun momento e non me podo poñer a enviar un correo electrónico para dicir a onde vai o cliente e á hora que vai coma se fose unha folla de percorrido. O cliente ten a súa presa, ten que chegar a un médico ou certo sitio e ademais non responden de xeito inmediato".

Os afectados indican que nos pasos con pivotes non adoita haber moitos problemas, xa que contan con interfono para falar cos axentes, pero si por exemplo na rúa de San Pedro, onde a cámara de vixilancia saca unha foto e despois chégalles a sanción.

Manuel Zas, presidente da Asociación de Taxistas de Ames: "Un servizo de taxi é un servizo de porta a porta e se son xente que vive na rúa San Pedro e che din que os deixes diante da súa casa ou calquera negocio de hostalería, ou hostais, pensións,... hai que levalos ata a porta".

Jose Luis, presidente da Asociación de Taxistas de Teo: "Nós non podemos estar con medo a que por unha carreira de 15 euros nos metan unha multa de 40, 50, 60, ou 80 euros. Nós somos servizo público e temos o dereito e a obriga de levar o cliente de punta a punta e non hai máis volta".

Dende o Concello de Santiago din que contan co seu propio servizo de taxi e defenden a necesidade de que os profesionais estean rexistrados no mesmo concello onde traballan.

Noticias web

20/09/2021