Protestas da hostalería en Vigo polo peche ás cinco da tarde
Publicado o 12/12/2020 21:51
En Vigo, coma noutras cidades galegas, ás cinco da tarde a hostalería ten que botar a reixa.
Toca recoller as terrazas e botar o peche. Moitos, fano sen chegar ao 20 por cento dos seus ingresos.
Unha vez pechados os establecementos, a hostalería da zona vella de Vigo saíu á rúa para protestar por unha situación que non entenden e que a moitos vailles pasar factura.
A esta concentración na porta do Sol seguiulle unha marcha de protesta ata a praza de España. Fano polas rúas dun centro de Vigo cheo de xente pero con bares e cafeterías pechados.
Algúns hostaleiros danse como data límite este mes de decembro. Se a situación non muda, moitos botarán o peche de maneira definitiva.