Protestan en Vigo en defensa da automoción tras anunciar Stellantis unha nova parada
A factoría viguesa do grupo Stellantis realizará novas paradas de produción no seu sistema 1. Cancelouse a actividade da quenda de noite deste martes e a dos tres equipos durante o mércores 7 de xullo. A suspensión da actividade está ocasionada pola falta de compoñentes que serven provedores afectados pola crise dos microchips.
Por este motivo, a CIG convocou unha manifestación para demandar "un futuro industrial para o sector da automoción". Discorrerá desde a planta do grupo Stellantis ata a Delegación Territorial da Xunta en Vigo. O responsable de Industria da CIG manifestou que o sector está a travesar unha situación moi crítica. Xoán Xosé Bouzas reclámalles ás diversas administracións que aposten pola automoción, un sector industrial clave para o país.
Unha das reivindicacións da CIG é que non se dependa de Asia para que os compoñentes cheguen; e queren que se poidan fabricar aquí. A falta dos microchips non só afecta a Stellantis; segundo Bouzas, "hai uns 14.000 traballadores das empresa auxiliares que dependen das decisións que se toman na factoría viguesa".