CRTVG

Buscar

Protesta dos alcaldes galegos do PP en contra da transferencia dos remanentes

Publicado o 10/08/2020 15:22

Alcaldes, concelleiros e representantes do Partido Popular concentráronse este mediodía diante do consistorio vigués. Piden a dimisión de Abel Caballero como presidente da Federación Española de Municipios e Provincias. Foi o seu voto de calidade o que permitiu que saíra adiante o acordo para transferir os aforros dos concellos ao Goberno central.

Manuel Baltar, presidente da deputación de Ourense e membro tamén da xunta de Goberno da FEMP, asegurou que os populares están convencidos de que "os aforros, os remanentes, o superávit das entidades locais, concellos e deputacións, deben investirse no territorio que foi quen de xeralos, e non que os leven, que os incauten, que os confisquen, que os expropie un Goberno que está atentando contra a autonomía municipal".

O Partido Popular vai iniciar unha ofensiva legal, mesmo ante o Tribunal Constitucional, para tratar de frear o decreto aprobado polo Goberno, que cualifican de "atraco aos aforros dos concellos". Díxoo esta mañá Javier Maroto, voceiro do PP no Senado, quen tamén engadiu que "Sánchez quere expropiarlles ese diñeiro para incorporalo ao presuposto e desenvolver a axenda ideolóxica de Pablo Iglesias".

Non é este o único partido que se pronuncia en contra do decreto. Agora mesmo son xa quince as formacións políticas con representación no Congreso que manifestaron a súa desconformidade. E con estas contas, vai ser practicamente imposible que o PSOE logre convalidar o decreto.

Noticias web

10/08/2020