CRTVG

Buscar

Protección Civil de Caldas pide voluntarios ante o incremento do traballo en verán

Publicado o 12/07/2019 13:47

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Caldas de Reis componse de 12 persoas, que non son capaces de facer fronte á elevada carga de traballo. Por iso están levando a cabo unha campaña de captación de voluntarios.

"Vimos experimentando nos últimos anos un incremento de demanda de servizos, e neste momento temos unha sobrecarga completa sobre a plantilla de voluntarios que se atopan en activo. Falamos de cerca das 12 persoas que cubren os servizos os 365 días do ano. O que buscamos é dar maior resposta aos nosos veciños dentro da contorna municipal con máis voluntarios", di José Sieiro, o xefe de Protección Civil de Caldas de Reis.

Os novos membros recibirán formación sobre as diversas cuestións relacionadas coas emerxencias de forma gratuíta, para así aumentar o cadro de voluntarios cualificados.

"Entran sempre nun período que soe durar sobre os dous meses. É un período de prácticas, de acomodación, xa que moita xente non ten unha referencia da importancia que ten o voluntariado de Protección Civil dentro do sistema piramidal de emerxencias, e así, vanse adaptando a nosa forma de traballar. A partir de aí, os voluntarios fan o curso básico de Protección Civil da Academia Galega de Seguridade Pública, que é o que lle dá a condición de voluntario de Protección Civil", engade Sieiro.

"Facemos un pouco de todo. A virtude das agrupacións de voluntarios é que son o complemento de todo pero que non substitúe absolutamente a ninguén", explica Sieiro sobre a labor dos voluntarios de Protección Civil.

Esta campaña remata o 20 de xullo e dende Portección Civil esperan captar, polo menos, sete persoas máis.

 

Noticias web

12/07/2019