CRTVG

Buscar

A familia do neno falecido en Mazaricos espera o resultado da autopsia

Publicado o 16/06/2021 14:50

A Policía Xudicial prosegue a investigación para tratar de esclarecer a morte do neno de 11 anos que morreu afogado no encoro da Fervenza, no concello coruñés de Mazaricos.

O menor, chamado Carlos, que cursaba sexto de primaria, faleceu no mediodía do martes tras caer á auga na zona do encoro da Fervenza, en Mazaricos, onde os alumnos estaban a navegar en piragua.

Segundo fontes da investigación, procedeuse a tomar declaración a menores que estaban na excursión e completar a reportaxe fotográfica para rematar o atestado. Remitirase ao Xulgado de Instrución número 1 de Muros, que é o que leva a causa. 

As pescudas continúan para aclarar o que aconteceu mentres un grupo de escolares do CEIP Fogar de Carballo foi bañarse. Os responsables da empresa de actividades que traballa con escolares no encoro da Fervenza desminte que no lugar haxa ningún pozo, ningún banzo de varios metros de profundidade.

En calquera caso, os resultados da autopsia que se lle realizou onte a tarde no Hospital Provincial de Santiago, deberían confirmar se o rapaz morreu, como se cre, por afogamento.

Tres días de loito

O CEIP Fogar de Carballo decretou tres días de loito oficial por este suceso, polo que a actividade no centro quedou suspendida desde este mércores e ata o venres.

Tras o ocorrido, responsables da Consellería de Cultura, Educación e Universidade reuníronse con membros do colexio e co alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, nun encontro en que decretaron eses tres días de loito.

O rexedor expresou a súa dor e trasladou o apoio á familia e a toda a comunidade educativa "en días durísimos".

Desde a Concellería de Igualdade e Benestar ponse o programa Concilia á disposición das familias que o necesiten. A Policía Xudicial da Garda Civil encárgase da investigación.

 

Noticias web

16/06/2021