CRTVG

Buscar

Prohibidas en Arteixo as reunións de máis de cinco persoas, se non son conviventes

Publicado o 29/08/2020 20:59

A Consellería de Sanidade salienta que Arteixo vén presentando nos tres últimos días unhas taxas de incidencia do virus moi superiores ás do concello da Coruña, ata agora o máis afectado.
Para frear os contaxios, desde hoxe aquí tamén están prohibidas as reunións de máis de cinco persoas, se non son conviventes.

Algúns bares e cafeterías decidiron botar o peche porque non lles sae a conta dar servizo só nas terrazas e a non máis de cinco persoas por mesa.
Neste establecemento seguen adiante porque tamén é despacho de alimentos.

O endurecemento das restricións afecta tamén os restaurantes, que poden atender no interior pero só o 50% da súa capacidade. Ademais a situación transcende en xeral ao resto do comercio.

Preocupa a situación de Arteixo, pero en xeral, na área sanitaria da Coruña-Cee, á cabeza de Galicia en número de contaxiados, parece confirmarse a tendencia á baixa no incremento de casos positivos.
En total hai 1.376, 25 máis que no último informe, e déronse 95 altas en 24 horas.

Hai que lamentar, iso si, un falecemento máis nesta área, unha muller de 85 anos que estaba ingresada no CHUAC. Tamén se rexistraron dous ingresos novos, xa son 75 as persoas hospitalizadas, sete delas en coidados intensivos.

Noticias web

29/08/2020