CRTVG

Buscar

Programan un cribado en Guitiriz polo incremento de casos nos últimos días

Publicado o 10/02/2021 17:58

Na área sanitaria de Lugo, un dos concellos que máis preocupa é o de Guitiriz, que nos últimos días aumentou considerablemente o número de casos activos. Segundo o último balance nos últimos 14 días foron diagnosticados en Guitiriz, 53 casos novos polo que a súa incidencia acumulada elévase a 975, moi por riba da media galega. Así que mañá xoves pola tarde van facer un cribado. O medo nótase na rúa.

"Ao mellor estás falando con alguén e el non ten síntomas, pero pode contaxiar os demais", opina unha veciña de Guitiriz. "Eu non vou a ver os meus pais que están en Santiago. A miña irmá hai un ano que non a vexo porque non me vexo con ánimo nin con ganas de saír de casa", asegura outra. 

Agora subiron, e moito, os positivos. Esta muller teme polos seus netos. "Un deles aínda non sabe o resultado porque llelo van dar hoxe porque foron onte; e o outro xa o sabe".

Alfonso, que é mecánico, mañá vai ir ao cribado. No seu taller duplicaron o traballo ao ter que desinfectar polo miúdo entre coche e coche. Mari, que rexenta dende hai 20 anos esta froitería, tamén vai ir ao cribado. Ela ao contrario que Alfonso presume do bo comportamento da súa clientela.

Segundo o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, van facer o cribado polo incremento de positivos, sobre todo, durante a pasada fin de semana. En total calculan que uns 500 veciños acudirán ao cribado para botar unha man e gañarlle a partida ao virus.

Noticias web

10/02/2021