Programación especial na TVG por unhas Letras Galegas dedicadas a Carvalho Calero
No mes de maio, coa primavera, Galicia celebra a súa festa máis literaria, as Letras Galegas, dedicada este ano á figura do intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero, e a TVG réndelle a súa particular homenaxe cunha programación especial ao longo da semana. Esta é a proposta.
Un novo vento de primavera achéganos a festa das Letras Galegas, e por ser un dos cumios intelectuais e literarios da nosa historia, Ricardo Carvalho Calero vai recibir un tributo de toda a sociedade galega.
Volve agromar a primavera, e así o profesor e pensador ferrolán, entregado a exercer a vida plena na propia lingua, recibirá na Televisión de Galicia a súa homenaxe propia con especiais e espazos de gran valor documental que realzan a súa vida e obra.
O espectadors poderá ver, por primeira vez, ópera en galego, A amnesia de Clío, composta por Fernando Buíde, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, será o 17 de maio. Pero tamén poderemos ver estreas cinematográficas, A estación violenta, a primeira longa de Anxos Fanzás, será o 14 de maio, e a primicia en televisión de A sombra da lei, de Dani de la Torre, o domingo 17.
Durante a semana das Letras, catro noites temáticas ofrecerán na segunda canle, traxectoria, opinións, entrevistas e testemuños sobre o homenaxeado Carvalho Calero, quen, de seguro, seguirá expectante ante esta nova lírica da Terra.