CRTVG

Buscar

Produtores de Quiroga combinan oliveiras e viñedos

Publicado o 21/10/2020 20:41

A unha beira da pista, as videiras, e a escasos metros, as oliveiras. Esta imaxe é cada vez máis habitual no val de Quiroga, onde os dous cultivos son milenarios. As oliveiras defenden as uvas do vento e mesmo das xeadas. Ademais, o tipo de solos que precisan tanto unhas como outras para se desenvolver son moi semellantes. Por iso, cada vez hai máis adegas que están a incorporar o cultivo da oliveira nestas beiras do Sil. Un xeito de potenciar un viño e un aceite que casan perfectamente a nivel gastronómico.

"Hai moitas sinerxias entre viñedos e oliveirais. Sobre todo nos tempos. Cando remata a vendima comezamos coa oliva. Os nosos viños con estes AOVES son platos excelentes que deberan estar en todas as casas", di Julio Quiroga, produtor de aceite.

O coidado das oliveiras é menos intenso que o das videiras, pero hai labores como a poda ou a aplicación de tratamentos que se realizan nas mesmas épocas do ano, de xeito que o traballo se pode compaxinar de forma sinxela. A diferenza doutras zonas de España, a oliva de Quiroga recóllese xusto ao rematar a vendima polo que os esforzos de elaboración do viño e o aceite tamén se concentran en poucas semanas.

"En primavera atendemos os dous cultivos. Son modelos complemantarios nesta comarca".

Para finais de decembro xa estarán nos mercados tanto o viño como o aceite que se están a elaborar nas adegas e almazaras nestes días.

Noticias web

21/10/2020