CRTVG

Buscar

Procesan o equipo de Rita Barberá e o PP de Valencia por branqueo de capitais

Publicado o 19/10/2021 18:33
Procesan o equipo de Rita Barberá e o PP de Valencia por branqueo de capitais
EFE

O xuíz do caso Taula procesou 49 concelleiros e asesores do Concello de Valencia na etapa de Rita Barberá por branqueo de capitais nas eleccións municipais de 2015, nun auto en que tamén procesa o PP da cidade como persoa xurídica.

O titular do Xulgado de Instrución 18 de Valencia ditou auto de procedemento abreviado contra 49 dos investigados no marco da peza A do coñecido como caso Taula, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana. Os procesados son na súa maior parte concelleiros e asesores do grupo municipal do PP no Concello de Valencia que presuntamente recibiron diñeiro negro por parte dalgúns responsables do partido -1.000 euros cada un deles- e branqueárono mediante transferencias bancarias na conta da propia formación para sufragar a campaña das eleccións locais de 2015.

O maxistrado tamén aprecia indicios de delito na actuación do PP da cidade de Valencia como persoa xurídica no delito de branqueo, aínda que esa actividade fose "opaca, aparentemente", á estrutura nacional do partido e a promovesen "poucas persoas no círculo máis estreito de confianza da entón alcaldesa" Rita Barberá, tal e como recolle a resolución, que pode ser recorrida.

No auto, o xuíz explica que no período entre 2006 e 2009, o PP da cidade ingresou e destinou ás campañas electorais unha cantidade de diñeiro e de recursos moi superior á establecida legalmente "mediante procedementos clandestinos de financiamento que vulneraban flagrantemente os límites normativos da Lei orgánica de réxime electoral xeral (LOREX)".

O maxistrado dá de prazo 20 días á Fiscalía e as acusacións populares acudidas nesta peza do caso Taula a fin de que soliciten o sobresemento das dilixencias ou a apertura de xuízo oral.

 

Noticias web

19/10/2021