Probada en Ferrol a penúltima redutora para as corvetas da Mariña saudita
A centenaria fábrica de Navantia, en Ferrol, é a única de turbinas de toda España. Aquí fanse, entre outras cousas, as caixas redutoras das corvetas encargadas pola Mariña de Arabia Saudita que se están a construír no estaleiro gaditano de San Fernando.
"Deseñáronse en colaboración cunha empresa holandesa, pero a fabricación do cen por cento do produto é aquí. Fixemos xa oito, hoxe veremos a novena e a décima está xusto enfronte montándose para ser probada dentro de tres semanas aproximadamente", apunta Andrés Cachaza, director da fábrica de turbinas.
Foron en total 330.000 horas de traballo. Un tempo récord, xa que cada caixa precisa de entre 18 e 20 meses, e aquí fixéronas en 14.
"Un proxecto moi demandante tanto en recursos coma en planificación, pero fomos quen de acompañalo en xeito e maneira, incluso en custos", comenta o director.
Cada caixa que ten un peso dunhas 25 toneladas, fabrícase coa precisión dun reloxo suízo.
"Ten uns niveis de precisión especialmente altos porque nos barcos de guerra, nos barcos militares, o ruído é un factor clave para a detección, por exemplo, por un submarino", explica Francisco Martínez, xefe de produción da fábrica.
"A proba está saíndo excepcionalmente ben. Aquí simulamos todas as condicións mecánicos que vai sofrir a redutora cando estea o buque operativo e máis todos os sinais do sistema de control, as posibles anomalías, avarías", engade.
A fábrica de turbinas participa en varios proxectos a un tempo, algúns deles enfocados ás enerxías verdes.