CRTVG

Buscar

Prisión provisional sen fianza para o detido polo crime de Chapela

Publicado o 17/03/2021 21:21

En xaneiro apareceu o corpo dun home na súa casa atado de mans e pés. O presunto homicida declaraba ante a xuíza que instrúe o caso en Redondela. Chegou igual que marchou, esposado no furgón policial.

Nunha comparecencia de prensa os mandos policiais encargados da investigación daban conta do suposto móbil do crime: o detido acudiu á casa da vítima para roubarlle drogas e cartos, pero non coa idea de matala.

A policía tampouco desbota que tivesen contas pendentes e afirma que o home morreu por asfixia ao lle taparen o nariz e a boca, uns tres días antes do achado do cadáver. Os axentes atoparon signos de arrepentimento, como o feito de que lle tapara a cabeza cunha cazadora. O propio acusado recoñeceu que coñecía a vítima e que foi á súa vivenda de Chapela porque pensaba que lle vendía droga adulterada.

O interrogatorio aos seus clientes foi clave para dar co autor dos feitos. O detido ten antecedentes policiais por tráfico de drogas, violencia de xénero, roubo e ameazas. Xa foi decretado o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza por un delito de homicidio.

Noticias web

17/03/2021