CRTVG

Buscar

Prisión provisional para o home acusado de matar unha veciña en Moaña

Publicado o 07/07/2021 14:20
Prisión provisional para o home acusado de matar unha veciña en Moaña

Pasou á disposición xudicial o home detido polo crime dunha veciña de Tirán, en Moaña. O xuíz acordou prisión provisional, comunicada e sen fianza. Os investigadores parece que atoparon testemuñas que o situaron nas proximidades da casa da vítima e mesmo probas da súa presenza no interior da vivenda onde se produciu o crime.

Segundo informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras pasar o arrestado, e veciño da vítima, a disposición xudicial, o delito que se lle imputa é o de homicidio.

Trátase dun home de 50 anos e "con múltiples antecedentes", varios deles por roubo en vivendas.

A vítima foi localizada morta o pasado sábado por un dos seus fillos, quen tras tentar sen éxito acceder a esta vivenda, situada entre Vilela e Tirán, forzou a entrada coa axuda dun veciño e telefonou ao 112 tras atopar á falecida, quen tiña as mans atadas e marcas no pescozo.

Segundo fontes da investigación o domicilio non estaba revolto e os veciños non escoitaron ruído algún. Esa mesma madrugada o instituto armado efectuou un minucioso rexistro da vivenda tras o cal procedeu á detención do sospeitoso, que permaneceu dous días en mans da Garda Civil.

Noticias web

07/07/2021