CRTVG

Buscar

Prisión provisional para o autor confeso do crime de Labañou

Publicado o 14/04/2019 12:16


Está acusado dun delito de homicidio. Ramón Darío Rodríguez, de 27 anos, xa está en prisión. Despois de tomarlle declaración durante máis de tres horas, a titular do xulgado de instrución número catro da Coruña decretou cadea provisional comunicada e sen fianza para o autor confeso do crime. O presunto homicida esganou o seu compañeiro de piso cun cinto na noite do xoves ao venres. Recoñeceuno el mesmo, despois de chamar a policía e entregarse no portal do edificio, situado no barrio de Labañou. Os dous homes coñecíanse desde había varios anos e dedicábanse ambos á prostitución. O desenlace fatal chegou despois dunha disputa pola difusión dun vídeo de contido sexual no que o detido aparecía consumindo substancias estupefacientes. Segundo fontes da investigación, tamén estaban enfrontados polo impago do alugueiro do cuarto. Cando entraron na vivenda, os axentes atoparon a vítima tendida no chan do dormitorio. Practicáronlle as técnicas de reanimación cardiopulmonar, sen éxito.

Noticias web

14/04/2019