CRTVG

Buscar

Prisión para os mozos acusados de abusar de dúas menores en Cangas

Publicado o 20/10/2021 17:58

O Xulgado de Instrución 2 de Cangas do Morrazo decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para os dous mozos detidos por dúas supostas agresións sexuais a dúas menores nesta localidade.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) concretaron que estes dous homes, de 19 e 21 anos, pasaron a disposición xudicial este mércores á mañá. Posteriormente, o Xulgado de Instrución número 2 de Cangas decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza dos detidos. En concreto, investígase a cada un deles por dous delitos de agresión sexual.

A pasada semana, dúas mozas de 17 e 14 anos marcharon do centro de acollida de menores Príncipe Felipe, situado en Pontevedra. Tras apareceren varios días despois, estas dúas menores presentaron senllas denuncias por agresión sexual en Cangas. Posteriormente, os axentes procederon á detención de dous mozos de 19 e 21 anos en relación a estas denuncias. Finalmente, este mércores, o xulgado de Cangas en funcións de garda decretou o seu ingreso en prisión de forma provisional.

Noticias web

20/10/2021