CRTVG

Buscar

A prisión os tres detidos tras apresarse un veleiro con 5,2 toneladas de cocaína

Publicado o 20/10/2021 20:32
A prisión os tres detidos tras apresarse un veleiro con 5,2 toneladas de cocaína

A autoridade xudicial competente decretou prisión preventiva para os tres detidos no marco da operación saldada cun veleiro interceptado con 5,2 toneladas de cocaína no Océano Atlántico. Entre os detidos estaba o narcotraficante galego Carlos Silla. Segundo detallou a Polícia Judiciária lusa, que participou na operación Marea Branca xunto á Policía Nacional, os tres homes pasaron a disposición da autoridade xudicial competente para o primeiro interrogatorio, tras o que se decretou prisión provisional para todos eles.

En concreto, os feitos tiveron lugar a pasada semana, cando os axentes interceptaron un veleiro con 5.200 quilogramos de cocaína, a maior aprehensión ata a data desta sustancia estupefaciente a bordo dunha embarcación deste tipo. Así, acharon na cuberta e a primeira ollada un importante número de fardos similares aos que habitualmente se elaboran para o transporte de cocaína.

No marco da operación detívose tres persoas, entre elas un destacado e coñecido lancheiro que se atopaba en busca e captura por outro transporte de cocaína que foi frustrado no mes de marzo do ano pasado, o arousán Carlos Silla Otero. Acompañábano outras dúas persoas que, a pesar de careceren de antecedentes penais, eran coñecidas polos investigadores da Policía Nacional pola súa estreita relación cos integrantes dun dos máis importantes grupos de lancheiros da ría de Arousa, en Galicia.

Esta operación tamén contou co apoio e participación do Centro de Análise e Operacións Marítimas-Narcóticos (MAOC-N) de Portugal, a Drug Enforcement Administration (DEA) de Estados Unidos e a National Crime Agency do Reino Unido.

Noticias web

20/10/2021