Prisión permanente revisable para o Chicle por asasinar a Diana Quer con aleivosía
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a José Enrique Abuín como autor da morte de Diana Quer á pena de prisión permanente revisable e a dez anos de liberdade vixiada por cometer un asasinato con aleivosía, cometido para ocultar outro delito e subseguinte a un delito contra a liberdade sexual da vítima, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión.
Tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse aos pais e á irmá da vítima, aos seus domicilios, lugar de traballo ou calquera lugar no que se atopen, a unha distancia inferior a mil metros, así como a prohibición de comunicarse con eles por calquera medio durante a duración da pena e, en todo caso, desde o inicio do seu cumprimento e ata que transcorran dez anos desde a conclusión.
Ademais, condenouno, como autor responsable dun delito de detención ilegal e dun delito de agresión sexual, en concurso medial, coa concorrencia da circunstancia atenuante analóxica de confesión, á pena de 4 anos de prisión e a cinco anos liberdade vixiada. A Audiencia tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización de 130.000 euros a cada un dos proxenitores e de 40.000 á irmá da vítima, ademais do pago das custas do proceso xudicial.
Probado o móbil sexual do crime
Nun comunicado do Tribunal Superio de Xustiza de Galicia explícase que o xurado considerou probado que o acusado matou a vítima “coa finalidade de ocultar os feitos constitutivos do delito contra a liberdade sexual que cometera”. O móbil sexual, segundo indica o maxistrado presidente do Tribunal do Xurado, “aparece como completamente coherente coas circunstancias e con que un exame racional doutras posibles motivacións alternativas non permite albiscar ningunha outra dotada dunha mínima solidez e verosimilitude que poida opoñerse á conclusión expresada polo xurado”.
“O xurado menciona como razóns da decisión de estimar probados un ánimo de índole sexual e a realización de actos de tal natureza os dous elementos que, segundo tamén entende este xulgador, son as únicas probas que poderían permitir chegar a tal conclusión, consistentes na ausencia de calquera outra explicación minimamente razoable sobre a decisión de transportar a vítima á nave; e na nudez do cadáver”, subliña o maxistrado na sentenza.
Na resolución tamén indica que o intento de agresión sexual doutra moza en Boiro, polo que o sospeitoso foi condenado, “encaixa na escala de valores e forma de actuar do acusado e dota de credibilidade a demostración da tese acusatoria, xa obtida por outros medios probatorios, e aumenta o poder de convicción da proba de signo incriminatorio”.
Non se acredita na versión do Chicle
O xurado rexeitou que a intención do acusado fose impedir que a vítima o delatase por telo visto roubando gasoil, pois a situación do móbil da falecida “descarta que a abordase no lugar onde di que a abordou”. Tampouco outorga credibilidade a que o móbil fose o roubo, pois “non quedou coas pertenzas da vítima”.
En canto á fixación da pena, o presidente do tribunal do xurado rexeita a imposición dunha pena única de prisión permanente revisable polos tres delitos, que é a que legalmente corresponde a un asasinato subseguinte a un delito contra a liberdade sexual cometido sobre a vítima. “Tense que rexeitar que a imposición da pena de prisión permanente revisable a un dos delitos obxecto de axuizamento determine legalmente que os outros delitos tamén condenados na mesma sentenza queden sen sanción penal específica”, argumenta.
O xuíz resalta os efectos que as penas dos outros delitos xeran respecto dos prazos para acceder ao terceiro grao, “o que evidencia que tal suposto de sanción doutros delitos é xuridicamente viable e que mesmo é necesaria esta individualización das penas para poder atender as esixencias dos referidos preceptos na eventual execución da pena de prisión permanente”.
O maxistrado, xa que logo, estima procedente “o criterio de que o lexislador non regulou un delito complexo de asasinato e contra a liberdade sexual, senón que ambos os delitos manteñen a súa independencia típica e que deben ser obxecto de sanción por separado, sen prexuízo do que posteriormente poida resultar na fase de execución”.