CRTVG

Buscar

Prisión para tres dos detidos por participaren no crime de Samuel na Coruña

Publicado o 10/07/2021 09:57

• Ingresan nun centro os dous menores implicados no crime de Samuel

• Os catro primeiros sospeitosos, investigados por homicidio ou asasinato, negaron a súa participación na malleira

• As gravacións da rúa recollen o linchamento que sufriu Samuel

EFE

A titular do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de tres dos catro sospeitosos de participaren no crime de Samuel Luiz, sucedido na madrugada do sábado 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña.

Acordou prisión para os tres homes que pasaron hoxe a disposición xudicial e liberdade, coa obriga de comparecencias no xulgado, para a muller. A Fiscalía non solicitou o ingreso en prisión para ela.

A maxistrada indica no auto que os catro arrestados son sospeitosos de cometer un delito de homicidio ou de asasinato, pendente de definir ao longo da instrución. A xuíza acordou o seu ingreso en prisión por entender que existe risco de fuga e posibilidade de alteración ou destrución de probas. Ningún dos investigados se acolleu ao seu dereito a non declarar.

A investigación, que está baixo segredo de sumario, está dirixida polo Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, que é o que estaba de garda cando sucederon os feitos.

Dous dos varóns e a muller foran detidos o martes, e o último deles na madrugada do xoves. Todos eles son veciños da Coruña, de nacionalidade española e amigos entre si, pero ningún coñecía a vítima, segundo aseguran os investigadores.

Ás cinco da tarde saíron os tres detidos que ingresarán en prisión nun furgón da Garda Civil, mentres un grupo de mozos lles gritaron a cada un deles "asasino".

Aseguran que non foi un delito de odio

Os catro detidos que pasaron este venres a disposición xudicial polo crime de Samuel negaron a súa participación na malleira que acabou coa vida do mozo de 24 anos na madrugada do sábado pasado na Coruña, informan a Efe fontes das defensas xurídicas dos detidos. "Expresamente ninguén recoñeceu que dese golpes", aseguraron as mesmas fontes. Con todo, o avogado engadiu que houbo testemuñas que recoñeceron a participación dalgún dos detidos na agresión mortal.

Ademais, todos eles aseguraron que non coñecían de nada a Samuel Luiz, polo que tamén coincidiron en negar o compoñente homófobo. Tanto a muller como dous homes só contestaron as preguntas da súa defensa, mentres que o cuarto detido, acusado tamén de apropiación indebida por levar o teléfono móbil de Samuel, respondeu as preguntas de todas as partes. Este, de 20 anos e representado por José Ramón Sierra, relatou que non lle roubou o móbil a Samuel, senón que o atopou tirado.

A moza de 19 anos, representada polo avogado Luciano Prado e que quedou en liberdade coa obriga de comparecer non xulgado, asegurou ante a xuíza que non colaborou en ningunha agresión e que só estaba a acompañar a súa parella, que é outro dúas detidos. Ningún deles, segundo manifestou a mesma fonte, dixo que esa noite estivese baixo os efectos do alcol.

Dous menores detidos este venres

A xuíza ordenou o internamento nun centro pechado para os dous menores arrestados o venres polo crime de Samuel Luiz. A Fiscalía de menores solicitoulle esta medida ao xulgado. Dos dous menores un ten antecedentes 

Ambos, veciños da Coruña, foron detidos o venres pola Policía Nacional investigados por un delito de homicidio. Os seis detidos son amigos e non tiñan relación con Samuel. 

A Policía Nacional mantén aberta a investigación que podería levar a novas detencións. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, agradeceu o "arduo" traballo da Brigada Provincial da Policía Xudicial e pide prudencia e responsabilidade para lograr esclarecer todos os elementos do caso.

A próxima madrugada fai unha semana o crime que conmocionou a todo o país e polo que se convocaron varias mobilizacións en sinal de repulsa. Este domingo está prevista unha gran manifestación na Coruña para condenar calquera tipo de violencia.