CRTVG

Buscar

Prisión para o agresor de tres persoas na rolda de Nelle da Coruña

Publicado o 21/04/2021 16:45
Prisión para o agresor de tres persoas na rolda de Nelle da Coruña

A xuíza de Instrución número 6 da Coruña, en funcións de garda, decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o presunto agresor de tres persoas o pasado luns na rolda de Nelle, na Coruña, investigado por tres delitos de lesións e un delito de violación de morada.

Ademais, impúxolle a prohibición de comunicarse coas vítimas, informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O home acudiu a casa dunha tía da súa exparella para que lle facilitase o número de móbil da moza e, ante a negativa da muller, acoitelouna e despois feriu a outras dúas persoas que acudiron a defendela, o seu marido e un veciño, que foron trasladados con feridas de carácter leve ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

Tras a agresión, o home subiu ao oitavo piso e ameazou con tirarse desde unha ventá, polo que axentes da Policía Nacional comezaron a negociar co home, que permaneceu case tres horas empolicado á xanela, ata que foi detido.

A Policía Nacional informa este mércores de que o presunto agresor, que se fixo pasar por un repartidor dunha empresa para acceder ao edificio e chegar á vivenda das vítimas, foi detido por tentativa de homicidio e impútanselle tamén violación de morada e lesións.