CRTVG

Buscar

Prisión comunicada e sen fianza para a parella da última vítima da violencia machista

Publicado o 19/09/2021 12:45

A titular do Xulgado de garda da Coruña decretou prisión comunicada e sen fianza por homicidio doloso con agravantes de aleivosía e asañamento para o presunto autor do crime machista ocorrido o pasado mércores no barrio do Birloque.

Son os últimos datos facilitados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O detido, de 48 anos e con antecedentes por violencia de xénero sobre outras dúas mulleres, pasou a disposición xudicial ás dez da mañá.

O home, que convivía coa vítima dende finais de agosto, protagonizou unha breve fuxida a Madrid, onde foi detido poucas horas despois de que se activara a busca. Mónica Marcos, de 52 anos, morreu acoitelada.

Dúas horas

José Ramón Guerreiro permaneceu arredor de dúas horas na sede xudicial. Algúns familiares de Mónica Marcos quixeron estar presentes á súa saída dos xulgados.

O presunto asasino de Mónica Marcos mantivo o silencio que o acompañou durante o interrogatorio nas dependencias policiais. Non quixo responder a ningunha pregunta, tampouco ás da súa avogada. 

Un coche da Policía Nacional trasladou o detido de volta ao cuartel de Lonzas, desde onde será enviado ao cárcere.