CRTVG

Buscar

Primeiro ensaio para administrar Pfizer ou Moderna a vacinados con AstraZeneca

Publicado o 19/04/2021 13:12
Primeiro ensaio para administrar Pfizer ou Moderna a vacinados con AstraZeneca

O Instituto de Saúde Carlos III presentou este luns o primeiro ensaio clínico que analizará en 600 pacientes a posibilidade de administrar unha segunda dose dunha vacina con  ARN mensaxeiro (Pfizer ou Moderna) a quen xa recibiron unha primeira de  AstraZeneca.

Así o expresou a directora do Instituto de Saúde Carlos III, Raquel Yotti, na presentación do ensaio, denominado CombiVacS, co que se trata de "xerar evidencia científica" para constatar a seguridade de combinar outras vacinas con AstraZeneca tras suspenderse a segunda dose en menores de 60 anos por suposto risco de trombose.

Yotti explicou que o ISCII se lanzou "de maneira urxente" a buscar evidencia científica que resulte de utilidade "para sustentar a toma de decisións en relación a posibles alternativas aos xa inmunizados cunha dose de AstraZeneca".

Detallou que o estudo, que será realizado en 600 pacientes, será coordinado, promovido e financiado pola plataforma de investigación clínica do  ISCIII, á fronte da cal se atopa Jesús Antonio Frías Inhiesta, coordinador da rede e xefe do servizo de Farmacoloxía do hospital La Paz.

Yoltti dixo que o ensaio se realizará en cinco hospitais: La Paz e Clínico San Carlos, ambos en Madrid, os hospitais Vall d'Hebron e Clínic de Barcelona e Cruces, en Bilbao.