Primeiro domingo no Carballiño sen restricións e con 18 casos activos
Con distanciamento, os maiores volven ocupar os bancos da praza Maior do Carballiño. Despois dun mes de cumprimento das duras restricións volve a vida ás rúas.
Neste mes de peche con só as actividades esenciais O Carballiño conseguiu pasar dos 188 casos activos ata os 18 de hoxe. Recuperan a mobilidade, as xuntanzas con ata 6 persoas non conviventes, os bares e o ambiente e o tempo perdido.
Unha normalidade que inclúe a apertura da hostalería, coa ocupación do 50 % no interior dos locais, sen servizo nas barras, e ao 75 % nas terrazas. Un grande alivio para un sector especialmente castigado pola pandemia.
Agora a cidade de Ourense e Verín, onde tamén seguen baixando os casos activos, agardan por un alivio nas limitacións. Xinzo segue en nivel vermello con 66 novos casos en 14 días e preocupan especialmente Beariz, que suma 20 casos activos, 2 máis ca onte, por mor dun gromo na residencia de anciáns e A Rúa con 26 casos novos nas dúas últimas semanas.