CRTVG

Buscar

Primeiro de Maio atípico sen marchas nas rúas e con actos nas redes

Publicado o 01/05/2020 16:08

O deste ano será un Primeiro de Maio atípico e desde logo diferente. Non haberá marchas multitudinarias nas cidades galegas e españolas e por primeira vez na historia levarase a cabo unha manifestación virtual. Á tarde, haberá un concerto que poderá seguirse en directo a través das redes sociais a partir das seis e que será unha homenaxe a todos os traballadores dos servizos esenciais. 

Este Primeiro de Maio non haberá marchas nas rúas coma nos últimos 125 anos, pero si haberá reivindicación cidadá, inda que telemática, para conmemorar o Día Internacional dos Traballadores. "Traballo e servizos públicos. Outro modelo social e económico é necesario", é o lema deste primeiro de maio de 2020 atípico, marcado polo coronavirus. Na convocatoria feita polos sindicatos conminan a todos os cidadáns a participar activamente en Internet para reclamar, máis ca nunca, emprego digno e protección dos que quedaron sen traballo.


Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia: "Que este primeiro de maio marque un punto de inflexión na protección dos servizos públicos, no necesario cambio do modelo social e que haxa unha resposta do conxunto da sociedade, da administración e institucións públicas que garantan que ninguén quede atrás en escenarios de exclusión social".

Ante a situación de confinamento e as restricións de movementos, as organizacións sindicais empregarán Internet e as redes sociais para reclamar a dignidade de todos os traballadores en xeral e en concreto daqueles que ocupan postos precarios e normalmente invisibles e que a crise da COVID-19 converteu agora en imprescindibles ou esenciais. Sanitarios, traballadores de supermercados, os encargados de coidados, do transporte, da limpeza...maioritariamente mulleres.

José Antonio Gómez, Secretario xeral de UXT Galicia: "Se algo demostrou esta pandemia é que é preciso fortalecer os nosos servizos públicos, tan deteriorados. A primeira demanda é aos Gobernos, de Galicia, do Estado, da Unión Europea: é preciso reforzar os nosos servizos públicos".

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Temos que mobilizarnos para que desta crise non sexa o sistema capitalista, demostradamente fracasado, quen outra vez se salve a conta de sermos o pobo traballador as vítimas dun novo saqueo e roubo ós nosos dereitos e ás nosas condicións laborais e de vida".

Os sindicatos animan a inundar con mensaxes e vídeos as redes, nas que se poderá seguir pola tarde o concerto virtual organizado polas federacións sindicais.

Dende as cinco, un concerto virtual anima este primeiro de maio que, cun país en pausa, ten un sentido maior na defensa do emprego.

Noticias web

01/05/2020