Primeiras multas nos controis policiais no perímetro de Ourense e Barbadás
Primeiro día de controis, e primeiras propostas de sanción. A algúns condutores a medida colleunos desprevidos: "Ía a Cambeo buscar o pan. É outro concello, pero eu non o sabía. Cometín unha infracción, teño que pagala".
Todos os desprazamentos de entrada e saída á zona delimitada, que abrangue os concellos de Ourense e Barbadás, deben estar acreditados con documentos.
Teresa Ramos, Policía Nacional de Ourense: "Se é traballador e está entrando en Ourense por traballo, a empresa fará un xustificante. No plano educativo ou sanitario, calquera xustificante que acredite que se cumpren as pautas que marca a Xunta".
Tamén se consideran xustificadas as xestións administrativas urxentes que non se poden adiar: "Aquí está, da Seguridade Social, coa data e todo".
Se no vehículo viaxan máis persoas, tamén teñen que xustificar o desprazamento: "É necesario, porque a xente pasa todo por alto", di un condutor.
Nos próximos días, mentres duren as restricións nos desprazamentos, haberá controis conxuntos de todas as forzas de seguridade, máis os puntuais que realice cada corpo nos seus ámbitos territoriais. Serán itinerantes, por un tempo limitado en cada sitio, e ao longo de todo o día.