Un home de 81 anos, primeiro morto con coronavirus no hospital de Lugo
• O ancián, que presentaba patoloxías previas, é a décimo novena vítima en Galicia
• En Galicia hai 1.170 casos infectados por coronavirus
• Un total de 19 persoas xa foron dadas de alta
• Sae da UCI o primeiro paciente diagnosticado de coronavirus en Galicia
Un home de 81 anos, que estaba ingresado no Hospital Lucus Augusti, é a vítima mortal número 19 con coronavirus en Galicia, e o primeiro falecido que se rexistra nese hospital.
Segundo informan fontes do Servizo Galego de Saúde, o paciente ingresara no centro sanitario ao ser diagnosticado co COVID-19 e tiña patoloxías previas.
É o primeiro falecemento que se rexistra no HULA, pero o segundo na área sanitaria de Lugo. Hai tres días rexistrábase, no Hospital Comarcal de Monforte, outra vítima, un ancián de 89 anos que tamén presentaba patoloxías previas ao contaxio de coronavirus.
Sobre a evolución da pandemia en Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.170, deles 298 son da área da Coruña, 62, da de Lugo; 142, da de Ourense; 164, da de Pontevedra; 278, da área de Vigo; 189, da de Santiago, e 37, da de Ferrol.
Estes son os últimos datos sobre o coronavirus en Galicia https://t.co/n9GO7WiSRB pic.twitter.com/JffE5aaOOs
— G24 (@G24Noticias) March 23, 2020
Do total de pacientes positivos, 46 permanecen en UCI, 270 están en unidades de hospitalización e 854 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes e 19 falecementos. O último falecido era un home de 81 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti e que tiña patoloxías previas.
Seguindo instrucións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, a consellería de Sanidade lembra que só se actualizarán os datos unha vez ao día e que a Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Lembrar tamén que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, onde se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten á disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que acaba de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións:
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou asoarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.