CRTVG

Buscar

O Goberno insístelle a Madrid en baixar a incidencia para ter marxe ante posibles repuntas

Publicado o 13/10/2020 22:14

O Goberno insistiulle este martes á Comunidade de Madrid en que o obxectivo non é baixar a incidencia acumulada dos 500 casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes na rexión, senón facelo arredor dos cen positivos "que permita unha marxe de reacción en caso de repunta".

Fixérono os ministros de Sanidade e de Política Territorial e Función Pública, Salvador Illa e Carolina Darias, respectivamente, durante o encontro co vicepresidente madrileño, Ignacio Augado, e o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, no grupo covid-19, informou a Secretaría de Estado de Comunicación.

Como xa dixo Illa en conferencia de prensa antes do encontro, os ministros trasladaron aos representantes madrileños o "ánimo de colaboración institucional" para dobregar a curva na rexión.

Os ministros Illa e Darias destacaron na reunión que o obxectivo non é baixar de 500 casos por 100.000 habitantes, senón alcanzar unha cifra "máis baixa, "arredor dos 100 casos positivos por 100.000 habitantes, que permita unha marxe de reacción en caso de repunta".

É a estratexia que, segundo o executivo, puxeron en marcha "moitas" comunidades, que xa están a tomar medidas ou as adoptarán nos próximos días, tal e como anunciaron.

Na reunión, o Executivo informou dos datos de mobilidade durante a ponte do 12 de outubro tras o decreto de estado de alarma en Madrid e con respecto ao mesmo período do ano pasado: baixou un 46,11 % na estrada; un 78,79 % en ferrocarril; e un 83,52 % por vía aérea. 

Antes de que se celebrase esa reunión, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, insistía en solicitar o levantamento do estado de alarma e "volver ao diálogo" para "mellorar" o plan ideado pola Comunidade de Madrid contra o coronavirus, xa que asegura que funcionará "sen facer máis dano aínda á economía máis importante de España".

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, pola súa parte, enviáballe unha mensaxe clara: "Coa saúde pública non se negocia". Illa pediu ser "moi prudente" coa situación na Comunidade de Madrid, e instou a "actuar sempre con criterios sanitarios, como fan todos os países da nosa contorna, que están a tomar medidas contundentes para dobregar a curva".  

Noticias web

13/10/2020