Prevese que Galicia se libre da nube tóxica do volcán, que si afectará a península
As primeiras previsións apuntan a que Galicia se librará dos gases do volcán ou, se chegan, sería en concentracións moi baixas, pero ao resto da península e ás Baleares chegará entre hoxe e mañá a nube de dióxido de xofre.
Carlos Sotelo é preditor en Meteogalicia: "O dióxido de xofre pode ir ás capas medias da atmosfera onde a circulación é distinta, alí temos compoñentes oestes, ventos do suroeste incluso, que nos vindeiros días segundo apuntan os modelos de predición poden arrastrar esas concentracións de aire contaminado sobre todo ao Mediterráneo, a nós chegaríanos un pouco de refilón cunha posible recirculación xa en concentracións moi baixas".
A concentración de dióxido de xofre unido ás precipitacións podería provocar o fenómeno da chuvia ácida.
Jorge Mira é catedrático de Física Aplicada da USC: "Cando xuntamos o dióxido de xofre, que ten xofre e osíxeno, con auga, que ten hidróxeno, iso pode formar e forma en moitos casos ácido sulfúrico que é un ácido corrosivo que se cae no chan fai bastante dano".
E este tipo de chuvia pode ser perigosa para as persoas?
Jorge Mira: "O ácido sulfúrico queima vexetacións, queima organismos vivos e é un perigo. Loxicamente non estamos dicindo que vaia chover ácido sulfúrico, estamos falando de concentracións moi baixas e o perigo é moi pequeno".
A concentración de dióxido de xofre que chega á península e ás Baleares é cen veces menor que a que sobrevoa as illas Canarias.