CRTVG

Buscar

Douscentos ciclistas protestan en Santiago contra un proxecto municipal para regulamentar o uso da bicicleta

Publicado o 17/04/2021 15:14

Grupos burbulla e distancia de seguridade eran as consignas que recibiron os case douscentos ciclistas que esta mañá se deron cita na Alameda de Santiago de Compostela para participar nunha manifestación contra o borrador dunha ordenanza municipal coa que o Concello santiagués pretende regulamentar o uso da bicicleta na cidade. Segundo a asociación convocante, Composcleta, o proxecto introduce limitacións como o uso destes vehículos pola zona vella, así como restricions ao estacionamento.

"Nós pedímoslle ao alcalde e ao seu concelleiro de mobilidade que dialoguen e comprendan que a mobilidade sostible, e as bicicletas en particular, son un elemento de solución dos problemas de mobilidade", indica Faustino Gómez, presidente da Asociación Cívica Composcleta.

A asociación sinalaba outras limitacións recollidas no borrador como a obrigatorieade de usar roupas reflectoras, a limitación de velocidade a 15 km por hora nos carrís bici ou a prohibición de circular por beirarrúas, cuestións que rexeitan os participantes na marcha.

"Parece que queren castigarnos por empregar a bicicleta, limitarnos completamente o acceso á zona vella, e tendo en conta a prohibición de aparcar en sitios que non sexan os aparcabicis, efectivamente impide que poidas facer a compra porque só hai aparcabicis en determinadas rúas", sinalaba un dos participantes na reinvindicación.

"Que se nos vexa a xente que nos desprazamos habitualmente en bici como unha forma necesaria de conseguir unha cidade máis sustentable", manifestaba outra.

Mentres os manifestantes acababan a súa ruta na praza do Obradoiro, dende o Concello compostelán aclaran que se trata dun documento de traballo, aberto a achegas, pero xa adiantan que non haberá restricións ao uso da bicicleta na zona vella, agás naquelas rúas que contemplen a prohibición. Tamén indican que o estacionamento dos vehículos farase nos aparcabicis ou en puntos que non comprometan a seguridade, pero si estará restrinxido en rúas estreitas.

Mentres, a asociación composcleta segue recollendo sinaturas para apostar pola bicicleta como medio de futuro.

Noticias web

17/04/2021