CRTVG

Buscar

Preto de 70 mortos nos incendios de Alxeria; o norte de Turquía, asolagado pola auga

Publicado o 12/08/2021 09:34

Máis dun cento de incendios continúan activos en Alxeria, moitos deles sen control.
Combaten as lapas corpo a corpo, con mangueiras e pólas. O país non conta con medios aéreos de extinción e xa pediu axuda aos países europeos. Como en todo o litoral mediterráneo, a vaga de calor, con temperaturas de ata 46 graos, o vento e a seca dificultan enormemente a extinción do lume.

Os incendios afectan o norte do país e xa arrasaron varias aldeas e granxas e mataron centos de animais. As autoridades alxerianas sospeitan que unha parte deles foron intencionados.

Tamén graves incendios no veciño Tunes, onde se declararon ata 150 focos nas últimas horas.

En Grecia, tras nove días loitando contra o lume, mellora a situación. Nas últimas horas, e como o fume foi a menos, o traballo incesante dos medios aéreos permitiu controlar os incendios na illa de Eubea. Con todo, inda quedan focos activos e vixíase que non reavive o lume onde xa foi extinguido, sobre todo, coas elevadas temperaturas destes días.

Peor está a cousa nestes momentos ao sur de Italia, sobre todo en Sicilia, onde houbo que evacuar xente nalgunhas zonas. En Calabria mobilizouse o Exército para facer fronte ao lume. En Palermo declaráronse máis de trinta incendios.

E mentres en medio sur de Europa e en medio norte de África o desastre natural o causa o lume, en Turquía, é a auga.

Fortes precipitacións provocaron inundacións que fixeron desbordar unha represa. Varias provincias situadas na costa do Mar Negro quedaron asolagadas. Polo menos unha persoa morreu e varias están desaparecidas.

Isto no norte do país, porque no suroeste continúan loitando contra os incendios que levan días arrasando a provincia de Mugla.

Noticias web

12/08/2021