CRTVG

Buscar

Preto de 3.800 persoas reciben a segunda dose de Pfizer na Cidade da Cultura

Publicado o 02/05/2021 14:50

"Veño poñer a segunda dose e moi ben, como me vaia esta como a primeira, de maravilla"

Coma Mercedes, unhas 3.800 persoas de entre 75 e 79 anos reciben hoxe a segunda dose da vacina de Pfizer na Cidade da Cultura, en Santiago. Coas dúas doses postas din estar agora algo máis tranquilos:
"Eu tiña moitas ganas de poñela, porque teño moito medo" "Non me facía moita ilusión pero hai que vacinarse, é importante" "A ver se quedamos inmunizados porque isto non é vida"

Pero aínda que estean vacinados son moi conscientes de que hai que seguir cumprindo as medidas sanitarias e respectando as restricións:
"Hai que levar as mesmas cousas, e ter coidado igual porque aínda que un teña a vacina hai que respectar todo"

Na Cidade da Cultura hai 19 postos de enfermería. O ritmo de vacinación era moi fluído esta mañá.
"Isto está moi ben organizado, vai moi rápido"
Alejandro Baña Tomé. Enfermeiro do equipo de vacinación: "A xente vén contenta por poñer a segunda dose, porque non lle deu reacción a primeira e creo que a xente xa está concienciada de que hai menos risco poñéndoa que non poñéndoa"

A partir da semana que vén haberá outros 15 postos de enfermería máis, polo que o ritmo de vacinación vaise acelerar, e poderase convocar unhas 8.000 persoas por día.