Preto de 3.000 profesionais combateron 39 incendios en Galicia
Os traballos de extinción están a ter agora mesmo estes condicionantes sobre o terreo. Ata a madrugada soprou nordeste. O forte vento dificultou, e moito, os traballos para sufocar as lapas. Houbo refachos de ata 50 quilómetros por hora. Hoxe zoa con menor intensidade. Pero, ollo, porque baterá máis forte pola tarde en Ourense. Outro dos condicionantes é o seco do terreo, que axuda a propagar o lume. E rematamos cos múltiples focos dos incendios. Neste punto está a intencionalidade dos incendiarios. Hai incendios con varios focos que complican os labores de extinción.
Os servizos de extinción combateron 39 incendios en que estiveron traballando case 3.000 persoas.
Traballaron 6 medios aéreos e 267 motobombas.
Galicia volve ser nesta xornada a comunidade española con maior risco de sufrir incendios forestais
Observen o mapa de niveis deseñado pola Axencia Española de Meteoroloxía. Como ven, case todo o territorio galego está en cor laranxa, o que significa un risco moi alto de que se produza un incendio. Mesmo volve haber zonas, a máis ampla o occidente da provincia da Coruña, onde o risco é aínda maior, extremo, segundo a táboa da AEMET. Apenas no interior de Ourense apreciamos a cor amarela que, con todo, significa risco alto.