Preto de 3.000 mortos por coronavirus e 346.000 novos casos nun só día na India
Con máis de 2.700 mortos e 350 mil novos contaxios só na última xornada, o coronavirus bate marcas de vítimas e avanza sen control na India. Jaume San Llorente, director da fundación Sonrisas de Bombay, di que hai "persoas amontoadas nos hospitais, morrendo en plena rúa, non hai crematorios e estanse queimando en plena rúa."
Galegos que traballan no país asiático, como María Bodelón, directora e fundadora da oenegué Semilla para el Cambio, relatan a enorme presión asistencial, que mesmo obriga a atender pacientes en coches, ás portas dos hospitais.
"Non hai camas nos hospitais, osíxeno, tests covid... é un desbordamento", explica.
Un dos principais problemas é a falta de osíxeno. Europa e os Estados Unidos xa preparan envíos, e algunhas organizacións poñen en marcha iniciativas propias.
Asensio Rodríguez, director xeral da Fundación Vicente Ferrer, di que puxeron en marcha unha campaña para construir o seu propio xerador de osíxeno.
Tras o aumento dos contaxios estarían tamén as reunións relixiosas multitudinarias, a pobreza extrema e sobre todo a nova variante do virus. Unha mutación máis contaxiosa e probablemente máis resistente á vacina. Por iso, expertos en saúde pública instan a liberar as patentes.
"Para parar a variante da India é necesario vacinar. É fundamental abrir as patentes, que se permita vacinar e producir a vacina en todos os países, analiza Joan Carles March, profesor da Escola Andaluza de Saúde Pública.
O Reino Unido, onde xa se rexistraron casos da nova variante, restrinxiu a entrada de viaxeiros procedentes da India. Tamén hai casos en Bélxica, República Checa, Suíza e Grecia.