Preocupa de cara ao Nadal un potencial incremento de prezos
Dous meses antes do Nadal, a patronal de fabricantes e distribuidores advirte dunha tormenta perfecta que está provocando unha suba xeneralizada nos custos que pode repercutir no consumidor. Unha situación relacionada co proceso de reactivación da economía tras meses de contracción pandemia.
O IPC na cesta da compra está no 1,7 %, a metade que o xeral. A suba de prezos contense no sector da alimentación, pero empeza a observarse en produtos de consumo cotián coma o pan, o aceite, a auga ou a froita.
As materias primas subiron a nivel global, segundo a asociación española de fabricantes e distribuidores, un 22,4%, e o transporte marítimo un 328 %. O pano de fondo: as distintas fases de recuperación dos mercados mundiais tras a pandemia.
Jesús Vázquez Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo: "Empezaron en Asia a recuperar, tiraron moito de materias primas e produciuse un desequilibrio que aínda non está solucionado".
Malia as circunstancias, a patronal confía en conter os prezos para non repercutilos no consumidor final.
Ignacio González, presidente de AECOC: "Nesa tormenta perfecta, o conxunto da cadea de valor está facendo un enorme esforzo para que se conteña e non chegue ao consumidor final".
Auguran un progresivo reequilibrio do mercado mundial a partir do ano que vén.