CRTVG

Buscar

Preocupación polas restricións na hostalería de Sanxenxo, O Grove, Cambados e Meaño

Publicado o 22/07/2021 14:56

A partir do sábado poucos parasois se van abrir nas terrazas do Grove. A hostalería de Sanxenxo, Cambados, Meaño e o Grove terá a ocupación limitada ao 50% nas terrazas e ao 30% do interior. Ademais terán que pedir certificado de vacinación ou PCR e as reunións de non conviventes prohibiranse desde a 1 ás 6 da mañá. "Prexudica porque os que non teñan terraza dentro só poden ter o 30%, e con iso non se mantén un negocio. E estamos falando do momento do verán en que máis se traballa", di Begoña Caño, do Restaurante Finisterre.

Hai preocupación pola posible contracción do consumo nun verán que ata agora está sendo pletórico. "Ao final é unha cadea. Aféctanos a todos os que teñan un negocio. A hostalería, a nós, aos panadeiros...", di unha praceira.

O latexo do Grove segue sendo un latexo de verán. Rutinas estivais que só o virus é quen de alterar. Aquí en 20 días pasouse de 3 positivos aos 115 de hoxe. "Non quero discriminar os novos, pero tanto botellón e tanta xuntanza... habería que empezar por aí", opina un home.

O Grove pasa do nivel baixo ao máis alto de restricións dun só golpe. Os catro concellos do Salnés teñen unha incidencia acumulada a 14 días de máis de 1.000 casos. No caso de Sanxenxo, vai camiño dos 2.000.

Noticias web

22/07/2021