Preocupación no Ribeiro polo decreto que limita a produción de uva por hectárea
Poucos días antes de que comecen os traballos da vendima, na Denominación de Orixe Ribeiro hai preocupación polo decreto do Goberno que limita o número de quilos por hectárea. Din que é unha norma pensada para outras zonas de España que pode prexudicar, e moito, esta comarca.
Forman parte da identidade e da estrutura da terra no Ribeiro. Pequenas parcelas onde as cepas están separadas por menos dun metro e onde o traballo é todo manual. Unha realidade que, din, non se ten en conta no decreto elaborado polo Goberno en que se limita a produción a 18.000 quilos en tinto e 20.000 en branco.
Piden que se teña en conta a singularidade desta denominación histórica e se manteña o incremento do 25 por cento hectárea que se aplicou outros anos. O contrario, afirman, podería provocar o abandono de moitos viñedos.